Tuesday 14 de May de 2024

O concello de Ribeira ofrecerá formación online gratuíta a parados e afectados polo Covid-19 a través de 83 cursos de 20 temáticas


Ata mil persoas poderán apuntarse neste programa “Casa-Talentos”

 

Baixo a denominación “Casa-Talentos”, o Concello de Ribeira vai poñer un marcha un amplísimo programa de formación online gratuíta no que terá prioridade a veciñanza desempregada ou que estea afectada polo Estado de Alarma: autónomos, afectados por un ERTE, etc…

“Casa-Talentos” estará formado por un total de 83 cursos posibles distribuídos en 20 temáticas: idiomas, programación e redes informáticas, sistemas e bases de datos, deseño gráfico e 3D, saúde e nutrición, sanidade, industria alimentaria, enerxía, medio ambiente, administración de empresas, ofimática Microsoft Office, loxística, xestión comercial e marketing, industria química, actividades deportivas, prevención e igualdade, turismo, limpeza e xestión de residuos.

Poderán acceder a este programa gratuíto ata mil cidadáns. Dende o Concello xa se está traballando para acabar de perfilar esta iniciativa (hoxe se deu conta da mesma na Comisión Municipal de Seguimento da Evolución do COVID-19) e anunciar e iniciar o pertinente prazo de inscrición.

Solicitudes ao goberno central
Ademais, no seo da Comisión acordouse realizar dúas solicitudes ao Goberno do Estado: por unha banda, a rebaixa ao 4% do IVE para a adquisición de material de autoprotección (preferentemente mascarillas) e, doutra, a inclusión da hostalería no plan de “desescalada” por medio de medidas correctoras para garantir unha maior seguridade (aforos, distancias, etc.). A este respecto e con esta intención, o Concello ten previsto facilitar no que resta de 2020 unha maior ocupación de vía pública con terrazas da que actualmente se permite.

Tamén se explicou na Comisión que xa concluíu o reparto de mascarillas por cinco parroquias (Corrubedo, Olveira, Oleiros, Artes e Castiñeiras) e hoxe se está a continuar por Carreira.

Denuncias
Noutra orde de cousas, no transcurso da fin de semana houbo dez denuncias por incumprir a obriga de confinamento, tres das cales foron reincidentes, e houbo sete requirimentos polo mesmo motivo.